O Sergas admite que as consultas “non preferentes” de Cardioloxía da Mariña se atenden en Lugo

A Xunta comprométese ante as preguntas de BNG e PSdeG no Parlamento a "sacar profesionais de onde sexa necesario" para cubrir as dúas vacantes de especialistas

Flores, na súa comparecencia. PARLAMENTO DE GALICIA

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Flores, comprometeu este xoves no Parlamento galego a cobertura das dúas prazas vacantes de especialistas de Cardioloxía no Hospital Público da Mariña, despois de que a Xunta de Galicia non suplise unha baixa e unha excedencia, quedando un único facultativo á fronte do servizo no centro hospitalario, que atende unhas 70.000 persoas.

En resposta a preguntas formuladas por BNG e PSdeG – PSOE, Flores recoñeceu que o Goberno galego é “perfectamente consciente de que é a nosa obriga seguir intentado que o servizo se cubra e reforzar o atractivo das prazas en hospitais comarcais”, e comprometeuse a “poñer todo o esforzo” e “sacar os profesionais de onde sexa necesario” para dar a cobertura precisa “de Cardioloxía a todos os veciños da Mariña sen que teñan que desprazarse ao hospital de Lugo, neste caso”.

Flores asegurou que a atención “está garantida“, aínda que admitiu que “as consultas non preferentes están a ser as máis resentidas e comprometidas“, o que ligou “á pandemia”, recoñecendo que este tipo de citas “non se están atendendo” no Hospital da Mariña, senón en Lugo, priorizando “os pacientes agudos e tempodependentes”.

Así, admitiu que o especialista que fica no Hospital está a asumir as seguintes tarefas: “atención a ingresados, pacientes de urxencias, realización de ecocardiogramas e os doentes considerados preferentes“.

Comprometeuse a traballar “nunha solución definitiva” para “o déficit puntual” de cardiólogos na Mariña, mentres que por agora estase a tentar solventar a situación “coa implicación activa do servizo do HULA” para que o servizo sexa cuberto na comarca.

CASTRO: “DICIR QUE CUN MÉDICO DE TRES A ATENCIÓN ESTÁ GARANTIDA É UN INSULTO Á INTELIXENCIA”

Logo dos argumentos empregados polo máximo responsable do Sergas para xustificar esta situación na “carencia de especialistas“, o deputado nacionalista Daniel Castro emprazouno a mellorar as condicións laborais dos profesionais. “Quizais ten algo que ver que as condicións laborais sexan mellores noutros territorios ou mesmo noutros Estados”, recriminou, para a continuación recordarlle tamén que son moitas e moitos os profesionais que acaban na sanidade privada polas súas mellores condicións de traballo e por “non ter uns servizos públicos dignos e de calidade”.

De igual xeito, reprobou ao alto cargo da Xunta que “dicir que a atención cun só profesional está cuberta é insultar a intelixencia dos mariñás e das mariñás” cando, recalcou, a atención xa non estaba garantida cando a comarca dispoñía de tres profesionais. “Salvo que se considere garantido o servizo con listas de agarda de ata dous anos”, reprobou, logo de subliñar que “isto non é unha atención sanitaria de calidade, a que o Goberno galego ten a obriga de dar”.

Neste sentido, tamén emprazou ao Executivo de Alberto Núñez Feijóo a recupere a área sanitaria da Mariña, o que permitiría reforzar a atención sanitaria na comarca e no seu hospital de cabeceira, en vez de converter este complexo sanitario “nunha sorte de filial do hospital de Lugo ou nunha especie de centro de saúde grande”.

OTERO: “O HOSPITAL DA COSTA É UNHA SUCURSAL DO HULA”

Pola súa banda, a deputada do PSdeG – PSOE Patricia Otero esixiulle á Xunta que “poña toda a carne no asador, busquen e cubran” as dúas baixas. A parlamentaria socialista o “abandono e desmantelamento” dos servizos no Hospital de Costa.

Otero criticou que a Xunta fale de “cubrir o servizo trasladando profesionais doutro Hospital”, o que é “desvestir un santo para vestir a outro” cando é “obriga da Xunta anticiparse, ter previsión e non chegar tarde, mal e arrastro como estamos acostumados”. Lamentou que o goberno galego demostre “descoñecer a realidade dos feitos e darlle moi pouca importancia a estes servizos, sen recoñecer que a detección temperá de problemas cardíacos é prioritaria”.

Esta situación crítica, dixo, é un síntoma máis do “abandono e desmantelamento” da sanidade da Mariña por parte da Xunta a partires da supresión da área sanitaria, convertendo o Hospital da Costa nunha “sucursal” do HULA. “A pesares da ampliación física do Hospital, este ven perdendo servizos constantemente e a lista de desagravios á sanidade da Mariña aumenta mes a mes”, expuxo.

“Este centro vén de perder así servizos como Cirurxía Pediátrica, mentres Oncoloxía limítase á visita dos profesionais do HULA só en horario de mañá. Lamentou que no xa non se cambian nin axustan os marcapasos, e tampouco realiza intervencións de cataratas, fimose, varices, intervencións de otorrino e larinxe ou partos de risco, co que obrigan aos pacientes a desprazarse ata a capital da provincia”, lamentou Otero.

A perda da área sanitaria, continúa, xerou o “deterioro progresivo” da atención primaria en toda a comarca, “con problemas para atención pediátrica en Mondoñedo, Lourenzá, Barreiros ou Xove, con prazas descubertas en centros como os de Foz e Burela“, ou a perda do segundo técnico da ambulancia medicalizada con base na vila focega.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here